Saturday 27 de April de 2024

Lousame volve reivindicar un Día das Letras Galegas para Diego Antonio Zernadas de Castro, o cura de Fruíme


 

O Concello de Lousame editou un libro cos 28 poemas en galego escritos por Zernadas de Castro, que fará chegar á Real Academia Galega e repartirá entre as bibliotecas e centros escolares da provincia

A Igrexa de Fruíme (Lousame) volveu ser un clamor, e van cinco anos seguidos, na reivindicación da dedicación dun Día das Letras Galegas á figura de Diego Antonio Zernadas de Castro, máis coñecido como “o cura de Fruíme”. Unha reivindicación na que o Concello de Lousame deu un paso máis coa edición do libro “O ilustrado cura de Fruíme: Diego Antonio Zernadas de Castro (1702 -1777)”, de Carlos García Cortés.

“O ano pasado comprometín neste mesmo lugar que se Carlos García Cortés escribía un libro editando por primeira vez os 27 poemas escritos por Zernadas de Castro, o Concello o publicaría. Hoxe temos aquí o libro, que faremos chegar á Real Academia Galega e a todos os colexios da provincia para que se coñeza a súa obra e se vexa que é merecedor dun Día das Letras Galegas”, asegurou Teresa Villaverde, alcaldesa de Lousame, diante do máis de medio cento de veciños e veciñas de Fruíme que se uniron á homenaxe deste ano.

Poemas inéditos

María Regenjo, concelleira de Xuventude e veciña de Fruíme, foi a encargada de presentar o libro á veciñanza. Un libro de 142 páxinas estruturado en tres capítulos, así como nun limiar e bibliografía. O primeiro capítulo reúne os datos documentados da vida de Zernadas, o segundo recolle o universo literario do cura de Fruíme e o terceiro inclúe os 27 poemas escritos en galego por Zernadas de Castro e que permanecían inéditos ata hoxe.

Regenjo preguntouse “como é posible que unha obra tan galeguista non teña sido recoñecido cun Día das Letras Galegas. Non se pode explicar, cando Zernadas foi a maior figura galeguista dese século. Unha persoa que viviu nunha época na que o galego era moi desprezado. Que un crego usara o galego daquela é de admirar, ademais de todo o que fixo por esta parroquia”. Por iso, a concelleira asegurou que “este libro é unha declaración pública do valor de Zernadas e da súa obra, pois representa as esencias máis valiosas desta terra e das súas xentes”.

Ofrenda floral

O acto, celebrado na igrexa por mor da choiva, rematou cunha lectura dos poemas de Zernadas de Castro por un grupo de catro alumnas do colexio lousamiá, que leva o nome do homenaxeado, e coa entrega dun exemplar do libro a cada veciño e veciña presente. Así mesmo, nun intre no que cesou a choiva, tivo lugar a tradicional ofrenda floral no busto dedicado a Zernadas de Castro, baixo os acordes do himno galego interpretado polo grupo folclórico O Son do Pote, quen tamén tocou varias pezas durante o evento.